vendredi, avril 28, 2006

as compañías no autobus, a iso das 8.15 da mañá (sen pasar anteriormente polo descanso que che pode proporcionar unha cama), poden ser moi pracenteiras ou moi pesadas

e a pesar de que ela era unha moreniña que che miraba cos ollos no canto de sorrir non deixo de preguntarme qué carallo pensaría de min naqueles momentos nos que eu, vencido polo alcol e o meu cansanzo xa diurno, me quedaba calado e me ría da causalidade realmente provocada (pero isto que quede entre ti máis eu) do noso encontro

e tal vez nos atopemos nunha destas xornadas reivindicativas na cidade que máis odio de toda a Galiza. ou tal vez me quede aquí, xurándote que me quedarei esta fin de semana para que visites sitios que non pisarei

pero dá igual, as cancións de vítor jara ás veces soan un chisquiño frívolas e nese intre é cando saltan aos meus ollos gañas de chorar, entón é cando me volto en realidade eu mesmo e deixo por fin de soñar, porque soñar é unha enfermidade que non se cura tomando pastillas e a mellor posición para este acto extraordinario é estar de pé e esperto

e así, sen máis, así...

sendo un borracho máis entre o mar das tegras

sendo un náufrago que aínda pensa que se pode aboiar enriba da pedra