mardi, janvier 24, 2006

hai unha cualidade que odio d@s human@s:

a memoria,
a puta memoria.

esa memoria de "podes esquecer con quen riches pero nunca esquecerás con quen choraches". a memoria que tan só lembra dentes no chan e paraugas rotos para resgardarse da choiva áceda. a memoria moldeable pero correosa daqueles que algún día poñerán os nosos corpos detrás dunhas reixas.

a memoria,
a puta memoria.

esa memoria que lembra antes o teu número de móbil ca túa voz. a memoria que non se senta nunca nas escaleiras da Quintana, e que nunca pregunta se hoxe poderás quedar a partir das seis ou das sete e media. a memoria que nunca escribe o nome verdadeiro das cousas (o NOME, e non o nome).

a memoria,
a puta memoria.

e hoxe, sentado no Obradoiro, despois de camiñar borracho e perdido por toda a zona vella, tento relaxarme ao son dun guitarrista que canta unha canción con moitas vogais. procuro vencer a esa memoria de plastilina e lembrarme deses momentos que pasei con paxaros e personaxes de conto. lástima que este sexa un dese momentos que se queimen no ígneo futuro que está por vir e o meu corpo sexa gasoliña.

a miña memoria
a miña puta memoria

(cualidade que vou ter que explotar estes días de exames,
así que a ver que tal me vai)