mardi, février 14, 2006

O amor e é unha parte moi importante do desenvolvemento na mocidade. A súa vivencia supón un xeito positivo de comunicarse cos demais, con nós mesmos/as, de sentir o noso corpo e desenvolver a nosa capacidade para o pracer. Pero con esta campaña tamén se pretende concienciar á mocidade sobre que a unión con outra ou outras persoas pódenos aportar moitas cousas, pero non nos funde nun só ser. Ningunha parella satisfai todas as nosas necesidades afectivas. Son igualmente necesarios outros “amores” (dos nosos familiares, amigas, amigos) e outras relacións con persoas coas que compartimos diversas facetas das nosas vidas. Queremos facer énfase en que a parella é unha opción non unha obriga. Pódese ter ou non ter parella. Hai outras opcións que poden resultar igualmente satisfactorias. Ninguén é por eso un bicho raro! A parella pode durar moito pero tamén pode durar pouco. Pensándoo ben a parella en realidade está composta de tres elementos: unha persoa, outra persoa e a parella. Por iso hoxe traemos estes símbolos aos institutos e as rúas da nosa cidade: Non somos medias laranxas. Somos laranxas enteiriñas!


Fronte a visións do amor romántico; que nos limitan, nos estereotipan, -ou como o da celebración de San Valentín- nos impulsan e utilizan para consumir, queremos que a mocidade se cuestione cousas como: cal é o papel que ten o amor nas nosas vidas? A que se deben os ciumes que sentimos das nosas parellas? Por que as veces tratamos mal a quen máis queremos? Por que teimamos en querer a quen non nos trata ben?

Falar da camiño inacabado da igualdade entre homes e mulleres, no que todos e todas nos temos que implicar, da necesaria liberdade e autonomía persoal para escoller con quen queremos estar, son tamén algunhas das outras cuestións que queremos por enriba da mesa nesta data.

Apostamos por unha vida intensa, alegre e libre para todas e todos, na que aprender o xeito máis saudábel de vivir o noso amor sexa unha prioridade.

Galiza Nova de Compostela e Andaina