mercredi, juin 07, 2006

elo nº 70


a dona de corpo delgado ás veces fala
e sempre acerta
cando dispara balas de manteiga
sobre o parqué desgastado
que hai embaixo do mar en calma

a dona de corpo delgado nunca dorme
e fai malabares cos compromisos
para voltar ao parís do desacougo
levando consigo dous paxaros engaiolados
que saben a té salgado
e cunchas frías

porque hai anos nos que outubro chega con retraso
(ás veces duns sete meses)
e xa non sabes en que pazo de inverno
terás que crebar os gobernos liberais

pero a dona de corpo delgado
tan só gosta de ollar pola fiestra
e pensar que a choiva
son trescentos vintecinco mil pares
de corenta e catro tríos de millóns
de papeis en lapas
sobre os escanos dos parlamentares